A administración forestal en España. Orixe e evolución
A orixe deste fondo documental, entendido como o conxunto de documentos xerados por unha institución no exercicio da súa actividade, remóntase á data de instauración da administración forestal moderna en España, a mediados do século XIX. En efecto, foi entón cando se estableceron as bases para a formación do servizo forestal público, que tería ao seu cargo a xestión e o aproveitamento dos clasificados como montes de utilidade pública, integrándose na estrutura orgánica do ministerio de Fomento.
De feito, a maior parte desta documentación foi producida polo servizo ou negociado de Montes, dependente da Dirección General de Agricultura, Industria y Comercio, a cal tivo diversas denominacións ao longo do período que nos ocupa (Dirección General de Obras Públicas, Agricultura, Industria y Comercio; Dirección General de Instrución pública, Agricultura e Industria; Dirección General de Agricultura, Minas y Montes).
Ditas direccións xerais estiveron integradas no ministerio de Fomento durante os períodos de 1854 a 1899 e de 1906 a 1931; e no ministerio de Agricultura entre os anos 1900-1905 e de 1931 a 1936.
A nova organización do servizo facultativo de montes, baseada na división do territorio en distritos forestais, deu lugar, a partir de 1863, á creación de dous distritos que agrupaban ás provincias de Pontevedra-A Coruña e Ourense-Lugo, con capitalidade nas cidades meridionais. A partir de 1939, os distritos pasarían a ser uniprovinciais. Ditos distritos comezaron a recoñecer os denominados montes públicos, que foran exceptuados da desamortización, e trataron de regular os seus aproveitamentos mediante a formulación dun plan anual que tiña que ser aprobado.
Asemade, puxeron en marcha os primeiros deslindes e amolloamentos; formularon as primeiras iniciativas de repoboación forestal e comezaron a establecer un control na xestión dos recursos piscícolas e cinexéticos. Polo tanto, todas estas actividades quedaron rexistradas na documentación xerada ao efecto e hoxe constitúen a maior parte do fondo inventariado. Por suposto, a medida que se ía afianzando o control dos montes por parte da Administración, tamén se foron ampliando as súas actividades (consorcios, montes protectores, proxectos de ordenación, protección da natureza).
Por outra banda, os montes dependentes do ministerio de Hacienda, é dicir, os que foron declarados enaxenables e os cualificados como “dehesas boyales” e de aproveitamento común, eran administrados por enxeñeiros forestais adscritos ao negociado de montes da Dirección General de Propiedades. E así permaneceron ata a súa devolución ao ministerio de Fomento, en 1921, e o seu posterior traspaso ás entidades municipais, a partir de 1924, en virtude do disposto no Estatuto municipal do devandito ano.
A aprobación do novo Estatuto Provincial, en 1925, permitiu que as deputacións puidesen ter unha maior intervención nos asuntos forestais provinciais, o que se traduciu na formulación de catro planos de repoboación forestal, un para cada provincia. De seguido, a posta en marcha destes plans foi da man da creación dun servizo forestal propio de cada deputación, polo que tamén nos atoparemos con documentación producida por estas entidades. Asemade, as deputacións e os seus servizos forestais tamén participaron nos consorcios establecidos en 1941, polo que continuaron xerando expedientes.
Durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-31), creouse a primeira Dirección General de Montes, Pesca y Caza, aínda que en 1833 existira unha dirección homónima de carácter efémero, e desde entón todos os asuntos forestais dependeron dunha dirección xeral propia. No entanto, na etapa de 1939 a 1955 coexistiron dúas direccións xerais con responsabilidades no ámbito forestal, a Dirección General de Montes, Caza y Pesca fluvial e a Dirección General del Patrimonio Forestal del Estado, cuxas competencias e organigrama aparecen reflectidos nos cadros que se achegan.
Desde 1955, e ata a reorganización administrativa de 1968, existiu unha única Dirección General de Montes, Caza y Pesca fluvial, con dúas subdireccións (a do Patrimonio Forestal del Estado e a de Montes y Política forestal), ademais do Servicio Nacional de Pesca fluvial y caza e o Instituto Forestal de Investigaciones y Experiencias (IFIE), como se pode apreciar no seguinte esquema.
- 1939-54. Dirección General de Montes, Caza y Pesca fluvial
- 1939-54. Dirección General del Patrimonio Forestal del Estado
- 1955. Dirección General de Montes, Caza y pesca fluvial.
- Subdirección del PFE
- Subdirección de Montes y Política forestal
- Subdirección del IFIE
- Servicio Nacional de Caza y Pesca
Os cambios do organigrama ministerial, en 1968, non implicaron a supresión da Dirección Xeral, pero si ampliaron o número de subdireccións e de organismos autónomos, como se pode ver a continuación.
- Dirección General de Montes, Caza y Pesca fluvial, 1968.
- Subdirección General de Montes Catalogados
- Subdirección General de Defensa de la Riqueza Forestal
- Servicio de Plagas Forestales (OA)
- Subdirección General del PFE (OA)
- Servicio de Pesca Continental, Caza y Parques Nacionales. (OA)
- IFIE (OA)
- Patronato Nacional de Riofrío (PFE y Turismo) (OA)
Coa creación, en 1971, do Instituto para la Conservación de la Naturaleza (ICONA), obxectivos fundamentais da nova entidade: produción e protección.
- Instituto Nacional para la Conservación de la Naturaleza, 1971.
- Subdirección Gral. de Recursos Patrimoniales y Repoblación
- Forestal
- Subdirección Gral. de Recursos Naturales Renovables
- Subdirección Gral. de Recursos en Régimen Especial
- Subdirección Gral. de Protección de la Naturaleza
Coa chegada do Estado das Autonomías ten lugar un cambio fundamental na administración do medio forestal galego, pois dende entón será unha xestión descentralizada e baseada nunha política forestal deseñada en Galicia, aínda que terá como referente orientativo a política agraria común. A nova etapa de administración descentralizada, que veu a coincidir coa entrada de España na Comunidade Económica Europea, tamén supuxo a adopción dun novo organigrama administrativo.