Que é o Fondo documental do Monte Galego.

 

A documentación forestal conservada en varios viveiros e delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural constitúe un patrimonio documental, extenso e de gran valor, que é produto e testemuña das actividades realizadas pola administración forestal en Galicia desde mediados do século XIX. Abrangue, polo tanto, un longo período histórico no que tivo lugar unha profunda transformación do monte galego, manifestada nos ámbitos da propiedade, o manexo e a produción.

Este patrimonio foi inventariado en 1998, proceso que permitiu un mellor coñecemento do mesmo, ademais de contribuír á súa salvagarda. Os documentos máis antigos deste fondo están datados ao redor de mediados do século XIX (1861), constituíndo os primeiros documentos producidos pola administración forestal, mentres que os máis recentes foron xerados na década de 1980. Con todo, hai que ter en conta que algúns dos citados expedientes inclúen documentos, de particulares ou de veciños, que son de épocas moi anteriores. En todo caso, pódese afirmar que a maior parte da documentación ten máis de cincuenta anos, pois se xerou no período 1940-1970, nun contexto de grande actividade forestal.